Catalonian flagCatalàUnited States flagEnglishSpanish flagEspañolGalician flagGalegoPortuguese flagPortuguês

Philobiblon page header


Bibliografías

As bibliografías que compoñen PhiloBiblon son: BETA, BIPA, BITAGAP e BITECA

PhiloBiblon é un recurso usado por catro equipos de investigadores, que traballan en literatura española, catalá, galega e portuguesa da Idade Media e mais na poesía española do Século de Ouro, para crear bases de datos bio-bibliográficas relativas a estes corpora. Estes grupos están compostos polos seguintes investigadores:

BETA Bibliografía Española de Textos Antiguos (Charles B. Faulhaber, Ángel Gómez Moreno, Antonio Cortijo Ocaña, Óscar Perea Rodríguez, María Morrás, Álvaro Bustos Táuler, Nicasio Salvador Miguel; Ángela Moll, † Brian Dutton, David Mackenzie, John Nitti, Anthony Cárdenas, Jean Gilkison)

BIPA Bibliografía de Poesía Áurea (Ralph A. DiFranco e José J. Labrador Herraiz)

BITAGAP Bibliografia de Textos Antigos Galegos e Portugueses (Arthur L-F. Askins, Harvey L. Sharrer, † Aida Fernanda Dias, Martha E. Schaffer, Cristina Sobral, Pedro Pinto, Filipe Alves Moreira, Mariña Arbor Aldea, Maria de Lurdes Rosa)

BITECA Bibliografia de Textos Antics Catalans, Valencians i Balears (Vicenç Beltran i Pepió, Gemma Avenoza i Vera, Lourdes Soriano i Robles, † Beatrice Concheff)

Aínda que os parámetros básicos dos catro proxectos son similares -unha lista bio-bibliográfica dos textos e das fontes incluídos nos seus respectivos corpora-, os detalles específicos varían de bibliografía a bibliografía. Así, en BETA e BITAGAP a data ad quem para a composición dos textos incluídos é a de 1501; en BITECA esta data está marcada pola morte de Fernando o Católico (Ferran II de Aragón), en 1516. Para maior información sobre estas cuestións, consulte a páxina principal de cada bibliografía.

Considerando que os intereses e recursos de cada grupo de investigación foron variando ao longo do tempo, hai considerables diferenzas canto a que parte da investigación se enfatiza ou prioriza nas diferentes bibliografías. BITECA e BITAGAP cobren de forma máis exhaustiva tanto as fontes primarias -incluíndo, por exemplo, todos os textos legais e toda a lírica- como a bibliografía secundaria. BITECA, ademais, ofrece unha pormenorizada descrición codicolóxica de cada testemuño, obxectivo este que tamén é prioritario para BETA. Esta última, debido ao volume de documentación que debe tratar, é talvez a menos completa no que atinxe á cobertura de textos, pois debe incorporar aínda gran parte da poesía lírica. BIPA concentrouse case exclusivamente na creación dun índice pioneiro de toda a produción poética dos Séculos de Ouro.

Case todos os manuscritos e impresos que se localizan en BITAGAP e BITECA están descritos persoalmente por membros dos respectivos grupos de investigación. No caso de BETA, que comezou a súa andaina baseándose en descricións de segunda man, gran parte do seu material está aínda pendente de ser examinado directamente polos investigadores do equipo; ademais, a súa bibliografía secundaria non pretende ser exhaustiva, limitándose a catálogos de manuscritos, estudos codicolóxicos de manuscritos individuais, edicións de textos, estudos biográficos e traballos similares. Ao contrario de BITAGAP, en BETA, BIPA e BITECA omítense case na súa totalidade os estudos críticos.

Debe sinalarse que non se fixo un grande esforzo por distribuír os datos entre os equipos de investigación. Por este motivo, é posible que o usuario encontre discrepancias, por exemplo, nos títulos de textos escritos orixinalmente en latín, ou ben nos nomes dalgúns individuos. Porén, no caso de traducións dunha lingua ibérica a outra, o grupo de pesquisa que fornece materiais sobre un texto traducido tende a remitir aos puntos de vista do equipo que describe o orixinal dese texto. Por outra parte, tampouco se fixo o esforzo sistemático de copiar toda a información dos ficheiros máis autorizados dunha bibliografía para os doutra bibliografía.

As convencións seguidas para a descrición de manuscritos e de impresos varían, tamén, de bibliografía a bibliografía. Para unha descrición de todos estes elementos, consulte a páxina inicial de cada bibliografía.

The Bancroft Library | Library home | Search | Contact webmaster